Como seguro que sabedes, a nosa horta xa ten nome oficial: "HORTA CHORIMA, A QUE MÁIS CHE MIMA". Agora estamos preparando o mural, que incluirá, ademais do nome, debuxos dos nenos e nenas que participaron no concurso. Xa pintamos os muros con fondo azul celeste e, cando o tempo o permita, empezaremos coa decoración.
Os parrulos e parrulas xa recollimos a nosa primeira colleita de leitugas: unha levámola para comer na casa coa familia e deixamos algunha para elaborar un pratiño saudable para comer na clase.
Así que organizamos un obradoiro no que empregamos esta rica e saudable verdura.
Primeiro lavamos e secamos as hortalizas e preparamos todos os ingredientes: boliños de pan brioche, queixo de untar, leituga e tomates cherri. Tamén os recipientes e cubertos necesarios: coitelos de madeira e pratos.
Unha vez preparada a comida, empezamos co zume licuado de laranxa e de cenoria: a profe pelounas e logo empezamos a meter na licuadora e vimos como ía caendo o zume na xarra.
A verdade é que estaba riquísima a nosa merendola saudable.
Comentarios
Publicar un comentario