Ola de novo.
Este mércores 12 de marzo tivemos a gran sorte de visitar a praia da Punta, na antiga ETEA. Fixémolo grazas a Vigo Pesqueiro, que organiza este tipo de actividades, da man de Lourdes e de Iago, un mariscador que nos mostrou moitas cousas sobre a súa dura profesión. A actividade tivo un custo de 3 € por neno-a, pero pagou a pena.
Aprendimos unha morea de cousas sobre os moluscos bivalvos (de 2 cunchas) como as ameixas, berberechos, longueiróns e navallas, mexilóns e sobre crustáceos como os cangrexos comúns e os ermitaños. Tamén vimos aves mariñas, como varios corvos mariños que voaban sobre a auga do mar, unha fermosa garza branca que limpaba as súas plumas e, como non, gaivotas. Ata vimos unha estrela de mar e unha anémona chamada "tomate de mar".
Fixemos 2 actividades divididos en dous grupos.
A primeira con Lourdes, que nos deu un papeliño con debuxos de animais mariños. Nós tiñamos que buscalos pola praia e polas rochas e ir anotando os que iamos vendo. Puidemos ver moitos deles, algúns estaban agochados e non os atopamos.
Na segunda actividade, Iago ensinounos algunhas das ferramentas que se usan para mariscar: cubos e sachos. Aprendimos que hai que cavar con coidado na area húmida, que é donde viven as ameixas, os croques (berberechos) e as navallas e longueiróns. Primeiro buscamos na area e despois sementamos unha ameixa. Maríscase coa marea baixa na area húmida que logo queda cuberta ao subir a marea. Pronto tivemos que apurar, pois a marea empezou a subir moi rápido e mollabamos os pés.
Ao rematar as actividades, que foron de 10 a 11:30, subimos á zona verde a merendar moi tranquilamente ao aire libre. Despois fomos correndo ao parque onde había un supertobogán no que o pasamos xenial.
E, como colofón da xornada, tomamos unha preciosa foto coa Ría de Vigo e a ponte de Rande de fondo.
En fin, pasamos unha bonita e didáctica xornada na que o tempo púxose da nosa parte.
Comentarios
Publicar un comentario