NOVAS MESAS SENSORIAIS E XOGOS INSPIRADOS EN GRECIA

 

Ola de novo.

Estamos experimentando con novos materiais nas nosas bandexas sensoriais e nos xogos de mesa. Tamén temos un novo panel para dar ordes aos nosos pequenos robots: o rato Olimpio e o robot Doc.

A area de cores é un elemento que lles encanta e que os leva a ter novas e relaxantes sensacións. 

Na nosa bandexa tuff xigante temos 3 novas bandexas: unha de area seca que tocan coas súas mans, recollen con culleres, con taciñas, peneiran, enterran dinosaurios pequenos... e 2 de area kinética caseira: area mesturada con fariña de millo, auga e deterxente da louza. Eiquí podemos experimentar como se fose area da praia e facer formas con ela. Tamén xogamos a mollala con botes pulverizadores e a recollela coas pequenas escavadoras. 

E, como lles encanta, continuamos coa bandexa de perlas de xel de moitas cores.














Os xogos de mesa, tamén feitos con diferentes materiais sensoriais, están relacionados co que estamos a aprender sobre Grecia, coa lóxico-matemática e coa lectoescritura e a aprendizaxe das vogais.

Caixa con area e as 5 vogais en pequeno enterradas. Temos que recollelas coas pinzas e colocalas na vogal grande correspondente.






Tarxetas con elementos sobre Grecia que teñen que contar e asociar co número e logo colocar os círculos de cores en cada número.









Novo xogo cos nosos robots, Olimpo e Doc, que lles encantan. Estamos aprendendo a familiarizarnos con eles e a manexalos dándolles ordes sinxelas. De momento imos pasiño a pasiño. Xogamos con un novo panel sobre Grecia con deidades e seres mitolóxicos, números e co noso alfabeto. Para xogar, ademais do queixo ou unha galleta e os robots, usamos as ruletas deste blog, unha de números ata o 10 e outra co abecedario. O xogo consiste en xirar a ruleta dos nomes para ver a quen lle toca xogar, logo a dos números para buscar o número do que partimos. Poñemos o robot no número que tocou e o queixo na primeira letra do noso nome. Logo temos que levar o robot dende o número ao destino que é a letra onde espera o queixo. Polo camiño podemos atoparnos con seres mitolóxicos como Hidra, serea, Cíclope, centauro ou pegasus, que nos mandarán superar algunha proba se queremos continuar.




























 

Comentarios

Publicar un comentario