Ola familia. Hoxe quero mostrarvos o ben que o pasamos amasando plastilina. Sí, amasando e dando cor, todos enfariñados. Hai moitas receitas de plastilina caseira, pero nós fixemos a nosa propia, cos seguintes ingredientes, por se queredes facela na casa.
INGREDIENTES
1 vaso e medio de fariña
1/4 de vaso de sal fina
3/4 de auga quentiña
3 culleradiñas de zume de limón
1 cullerada de aceite, eu poño de xirasol
Colorante alimentario ou témpera de diferentes cores
Mesturamos ben a fariña e o sal. Engadimos o zume de limón, o aceite e a auga quente. Mesturamos e amasamos ben. Logo separamos varias boliñas e poñémoslles un pouco de cor a cada unha, ata conseguir as que máis nos gusten. Se queda moi húmida, o que é probable, engadimos fariña ata conseguir a textura que nos guste e non se pegue nas mans. E a disfrutar.
Na clase, cada un coa súa boliña de masa e con un pouco de cor, amasamos ata que a masa colleu a cor que máis nos gustou. Nós fixemos 3 cores: amarelo, azul e vermello. Cada grupo fixo unha cor diferente. Logo xuntamos todas as bolas da mesma cor e gardamos en botes pechados para que dure moito tempo.
Cada día xogan coa plastilina que fixeron, encántalles porque é moi brandiña e manexable.
Comentarios
Publicar un comentario